Skip to main content

Introducción

institucionsEscudos de España gravados por Nolim en 1663. Observese representda a custodia nas armas de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

 

institucionsBandeiras españolas, entre elas a galega, nun catálogo inglés de 1850 aproximadamente.

 

Procurar aproximarse ós símbolos dun pobo é empezar a entender o que un pobo significa. Entre estes símbolos, ocupan un posto relevante en todos os países a cultura e a lingua, máxima expresión espiritual e material da comunidade que as crea. Pero hai outros signos máis convencionais que singularizan as nacións: tal é o caso dos escudos e, sobre todo, das bandeiras e dos himnos.

Galicia, que ten cultura e idioma propios, conta tamén con outro tipo de sinais ou distintivos que a identifican fronte ó mundo, símbolos que han de ser internamente lazos de unión espiritual entre todos, os galegos, como elementos presentes e invisibles que religan as vontades diferentes nunha común empresa colectiva.

De entre os símbolos sobre os que aquí imos tratar, e atendendo á percepción dos mesmos, poden diferenciarse dúas clases. Os visuais, como escudos e bandeiras, simples debuxos no primeiro dos casos que, ó representar pobos, gardarán sempre algunha relación co seu pasado histórico, mítico ou lexendario, relación e significado que tamén teñen as bandeiras, vistosos lenzos de diversas cores revoando no vento, que tecen e retecen os momentos máis tristes e fermosos da historia colectiva da xente que as sinte.

Outra clase de sinais ou representacións son auditivas, como ocorre coas marchas e cos himnos. Van acompañados xeralmente de letra (poema), que contribúe a descifrar o seu significado. Cántanse ou tócanse, polo tanto, con moito respeto e recollemento e mentres se executan a xente está de pé.

A letra do himno é ideada normalmente por homes ou mulleres con certos privilexios ou particulares dotes. Deste modo son quen de percibiren as realidades e o espírito comunais que fundamentan logo os sentimentos dos futuros cantores. É como se dixésemos que estes poetas ou aqueles músicos foron capaces de sintetizar a realidade física e espiritual dun pobo e convertela nunha peza de ouro que as sucesivas xeracións irán luíndo e preservando.

Por estes excelentes creadores que quixeron devolvernos a memoria, por estes inventores que has identificar a través destas páxinas, compatriotas todos que tan ben sentiron a nosa realidade de pobo diferente e que souberon transmitírnola en herdo, has ter sempre, lector, un gran respeto, admiración e gratitude.