Skip to main content

Novas

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento no que resta de lexislatura, entre as que avanzou a posta en marcha dun Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais. Segundo explicou, este plan forma parte da nova Estratexia de Política Industrial de Galicia que contempla, ademais, a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e de plans directores para os diferentes sectores. O obxectivo, dixo, é facer de Galicia un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación.
  • A economía galega medrou un 1,5 % no segundo trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información da contabilidade trimestral referente a este período, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En canto á evolución intertrimestral, de abril a xuño de 2023 o PIB autonómico aumentou un 0,1 %. Desde o punto de vista da demanda, no último ano, o consumo público aumentou un 3,4 % e a formación bruta de capital medrou un 2,4 %. No que respecta á oferta, a construción medrou un 3,6 %; a industria un 1,8 % e os servizos un 1,4 %, cun maior incremento no apartado de actividades artísticas, recreativas e outros servizos (4,4 %).
  • O grupo Mevadeus, de Santiago de Compostela, foi o gañador do primeiro premio Xuventude Crea 2021 na categoría de Teatro, unha das catorce especialidades do certame. A fase final celebrouse esta pasada fin de semana no Salón Teatro da capital galega e a ela chegaron seis grupos finalistas dos once que se presentaron este ano. A obra que recibiu o primeiro galardón tiña por título Agro 5G. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.
  • A Comunidade galega viviu un mes de xuño lixeiramente frío e moi húmido debido sobre todo a unha segunda quincena marcada polos episodios de carácter tormentoso e as chuvias persistentes. Así se desprende do avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que durante este período as precipitacións rexistradas duplicaron os valores habituais e previsibles para esta época do ano. A anomalía pluviométrica, de feito, foi a principal característica de xuño, que climatoloxicamente non adoita ser moi chuvioso e, sen embargo, este ano pechouse no conxunto da Comunidade cun 102% máis de precipitacións do esperado.
  • O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) inicia mañá a súa temporada de actividade 2019-2020 cun ciclo de sete películas dirixidas por Carlos Saura, organizado en colaboración co Amigos da Ópera da Coruña e en coincidencia coa presenza na cidade do cineasta pola súa participación na posta en escena do Don Giovanni de Mozart no Teatro Colón. Con este motivo, a sala da cinemateca galega ábrelle de novo as portas ao público, cos seus horarios e tarifas habituais, contribuíndo á difusión da obra do recoñecido e polifacético autor oscense, considerado por moitos discípulo de Luis Buñuel e unha das figuras máis relevantes do audiovisual español. Para iso está preparada unha variada escolma dos seus filmes que abrangue títulos rodados entre 1964 e 1999.
  • A XXIV edición do Premio San Clemente Rosalía-Abanca, convocado pola Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa ten gañadores. Na modalidade de novela en galego, fíxose co galardón Marcos Calveiro coa obra O xardineiro dos ingleses, coa que xa obtivera tamén o Premio García Barros do Concello da Estrada. Nas variantes de novela en castelán e en lingua estranxeira, os vencedores foron Pedro Mairal, con La uruguaya, e Han Kang, con A vexetariana, respectivamente.
  • O programa Galeuropa é unha iniciativa que “contribúe á mellora das competencias e habilidades dos mozos e mozas e que incrementa as súas posibilidades de inserción laboral, ao tempo que dota de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego”. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou no acto de despedida dos mozos e mozas que participan no programa de mobilidade transnacional Galeuropa. Unha xornada na que o titular autonómico das políticas sociais do Goberno galego estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez.
  • O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugura a exposición 'En construción', que subliña o encontro entre arte e arquitectura no CGAC. A mostra, que estará aberta ata o 28 de outubro, 'afonda na idea de construción como clave para comprender a relación do ser humano co espazo, a paisaxe e a casa', segundo sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Lembrou, ademais, que o museo está a piques de celebrar o seu 25 aniversario e sinalou que é 'un espazo de diálogo e convivencia para artistas moi dispares'.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou durante a rolda de prensa do Consello a aprobación dunha nova convocatoria de axudas que permitirá a creación de 15 novas casas niño no rural. Feijóo precisou que a día de hoxe o rural galego conta con 46 casas niño -3 na provincia da Coruña, 13 en Lugo, 27 en Ourense e 3 en Pontevedra- que, cun investimento de preto de 5 millóns de euros, ofrecen 230 prazas de atención á infancia de 0 a 3 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes de Galicia. O presidente do Goberno galego aseverou que o obxectivo desta convocatoria será chegar a 61 casas niño funcionando en Galicia e dar atención a 305 rapaces de 0 a 3 anos.
  • As actuacións en macha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado garanten que máis de 330.000 galegos de 258 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade no 2020. En total os plans autonómicos e estatais supoñen un investimento público de 35,2 millóns de euros para incentivar a extensión de fibra óptica en núcleos dun total de 258 concellos galegos que non dispoñen desta tecnoloxía nin previsión de contar con ela. Ambas medias garanten que en 2020 o 96% dos concellos galegos teñan núcleos con acceso a redes de máis de 30 Mbps, fronte ao 71% de hoxe en día.