Skip to main content

Novas

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, reclaman que Europa teña en conta o envellecemento, dispersión de poboación e baixa natalidade á hora de distribuír fondos. O titular do Goberno galego presidiu xunto o mandatario asturiano o encontro bilateral 'El reto demográfico en Asturias y Galicia', un encontro ao que asistiron tamén a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro do Medio Rural, José González, e que se desenvolveu baixo o lema Avanzar xuntos. No foro anunciouse que Asturias e Galicia reclamarán ao Goberno de España que solicite á Unión Europea ampliar o concepto de 'zonas escasamente poboadas' para que recolla tamén estes factores.
  • Presentouse a mostra 'Re-Visión(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto', que pode visitarse no CGAC ata o 11 de xuño. Unha exposición que percorre o traballo multidisciplinar de Olga Mesa, figura clave da nova danza contemporánea española de finais dos 80, que foi unha precursora na investigación das relacións entre o audiovisual e o corporal, entre outros ámbitos. Olga Mesa desenvolve unha dramaturxia experimental entre a danza, a performance, o cine e a instalación e que interpela directamente ao espectador.
  • Reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na Xornada 'Picassiana. Os museos como centros de investigación', unha iniciativa deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.
  • O conselleiro de Cultura presentou na Conferencia Sectorial de Educación as alegacións de Galicia ao proxecto de real decreto de Ordenación do Sistema de Formación Profesional, centradas na falta dunha memoria económica e nas dificultades que se pon para incorporación de persoas expertas dos sectores produtivos como docentes. Tal e como sinalou o conselleiro, o proxecto de real decreto non supón grandes novidades para a FP galega, 'dado que xa se están aplicando a maior parte das medidas desde hai tempo. De feito en Galicia xa se incorporou no currículo un módulo inglés nos currículos implantados nos últimos cursos, xa existen as dobres titulacións, a FP Dual xa está deseñada a medida das empresas e nos centros educativos xa se ofertan accións formativas para desempregados'.
  • A Xunta de Galicia regulará o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, de acordo cos resultados do informe elaborado polas tres universidades públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento desta tecnoloxía. O reitor da USC, Antonio López, xunto cos reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, participaron no acto de presentación do estudo xunto ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. O estudo foi presentado por persoal experto das tres entidades.
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na inauguración da Xornada: Saúde con perspectiva On-LIVE, que o seu departamento acaba de iniciar o proceso participativo da nova Estratexia galega de saúde 2023-2030, 'coa que poremos a saúde da muller no centro de todas as políticas sanitarias'. Segundo o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, 'esta estratexia vai incorporar o enfoque de xénero na súa planificación e programas asistenciais, así como nos ámbitos de investigación'.
  • A Xunta expuxo ante a Comisión Marco das Nacións Unidas as estratexias que se están a desenvolver na Comunidade para cumprir os obxectivos de mitigación e promover a adaptación ao cambio climático. Cómpre salientar que a Xunta foi seleccionada para compartir a súa experiencia xunto ás comunidades autónomas da Rioxa, Andalucía, Murcia e País Vasco ao abeiro da xornada de presentación da Oitava Comunicación Nacional e do Quinto Informe Bienal de España e dos gobernos rexionais no marco desta comisión.
  • A nova PAC, que se aplicará de 2023 a 2027, conserva os elementos esenciais da PAC anterior, pero pasa de ser unha política baseada na descrición dos requisitos que deben cumprir os beneficiarios finais das axudas a ser unha política orientada á consecución de resultados concretos. Neste senso, búscase fomentar un sector agrícola intelixente, competitivo, resiliente e diversificado que garanta a seguridade alimentaria a longo prazo. Tamén se busca apoiar e reforzar a protección do ambiente, incluída a biodiversidade, e a acción polo clima e contribuír a alcanzar os obxectivos ambientais e climáticos da Unión, entre eles os compromisos contraídos en virtude do Acordo de París, e por último, fortalecer o tecido socioeconómico das zonas rurais.
  • O Programa FSE+ Galicia 21-27 terá como obxectivo facer unha comunidade máis social e inclusiva, co emprego como eixe clave de actuación. Dos 1.017 millóns de euros asignados a Galicia, a Administración galega xestionará preto de 449 M€, mentres que o resto dos recursos estarán a cargo da Administración xeral do Estado, a través dos programas plurirrexionais. Deses 449 millóns de euros, máis de 116 millóns destinaranse a políticas de emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social e uns 56 M€ ao emprego xuvenil. Entre os obxectivos que se perseguen están o de impulsar a formación de ocupados e parados, a través de accións formativas de corta duración; a mellora das capacidades do sistema público de emprego e a creación de empresas innovadoras vinculadas aos Polos de emprendemento.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.200, deles 249 son da área da Coruña, 116 da de Lugo, 190 da de Ourense, 128 da de Pontevedra, 199 da área de Vigo, 218 da de Santiago e 100 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 8 están en UCI, 214 en unidades de hospitalización e 978 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 690.900 persoas curadas, rexistrándose 4.086 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.057.419. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.634.146.