Skip to main content

Novas

  • O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, desmentiu hoxe no Parlamento, ante unha pregunta da oposición, a existencia de calquera cesión de tecnoloxía sanitaria de titularidade autonómica á sanidade privada para obtención de beneficios. Aboal concretou que, no ano 2015, a Xunta adxudicou diversos contratos de adquisición de equipamento tecnolóxico, parte dos cales obtiveron financiamento por parte da Fundación Amancio Ortega. No caso concreto da área sanitaria da Coruña, o acelerador lineal e o PET-TC adquiridos puxéronse a disposición, mediante un convenio asinado no ano 2016, do Consorcio Oncolóxico de Galicia, un consorcio público autonómico creado mediante decreto no ano 2008 polo goberno bipartito.
  • Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Xunta participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco. Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa.
  • Impulsar o desenvolvemento coordinado de liñas de investigación arredor do hidróxeno é o obxectivo da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) e as universidades galegas, que nas últimas horas celebraron no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo un primeiro encontro de traballo, cualificado polos e polas participantes como un fito na integración de esforzos nun campo de investigación.
  • Foi presentado o festival Ouren Sound Fest, que se desenvolverá do 25 ao 28 de maio. Destaca a relevancia da programación desta VIII edición, que contará con grupos de renome como é Andrés Calamaro, os grupos revelación do 2022, Shinova e Cariño; e en música urbana, artistas como DePedro. O festival ten como obxectivo principal dinamizar a cidade de Ourense, dotándoa de contidos culturais que non só se limitan a realización do propio festival, e que o mesmo tempo é un motor turístico e patrimonial. O Ouren Sound Fest é moito máis que un festival de música, é un medio de difusión e concienciación de determinados oficios.
  • O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, instou ao Goberno Central a escoitar ás universidades na reforma da ABAU. Nunha intervención no Parlamento de Galicia, o titular do departamento educativo da Xunta lembrou que recentemente as universidades públicas de todo o Estado 'teñen manifestado, a través de alegacións, que ven con preocupación a viabilidade de implantar o modelo de avaliación de competencias para o acceso á universidade xa no vindeiro ano'. 'Compartimos coas universidades que o cambio da ABAU é apresurado e que faltan garantías', manifestou.
  • O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa no 85%, chegando o 100% nalgunhas zonas. O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional aínda que nalgúns destinos, como Santiago de Compostela e A Coruña, a proporción do turista internacional foi superior á media. Destaca o incremento do turismo interno, xa que moitos cidadáns galegos se animaron a viaxar pola comunidade durante a Semana Santa.
  • O Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas celebra entre o 13 de abril e o 6 de maio a súa sexta edición, cuxa primeira cita será este xoves 13 de abril no restaurante Árbore da Veira. A outra cita desta primeira semana de programación será este sábado, 15 de abril, na sala de exposicións Palexco. Os grandes atractivos deste concerto serán, entre outros, a presenza do director Nacho de Paz e a estrea da obra Libro delle Immagini V, do coruñés, Hugo Gómez-Chao, quen actualmente é compositor residente na Real Academia de España en Roma.
  • O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal. Nesta escolma teñen presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, Manolo Paz, Ángela de la Cruz e Christian García Bello.
  • A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía —desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson— e referentes da creación contemporánea máis actual. A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.