Skip to main content

Novas

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na 17ª reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). A recepción e integración dos refuxiados ucraínos en Europa, as conclusións da Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE), e a como loita contra a desinformación foron os principais temas a tratar na xuntanza. No marco do próximo informe sobre o estado das rexións e cidades, que se centrará no impacto migratorio da guerra en Ucraína, a reunión CIVEX abordou as conclusións dunha enquisa realizada polo CdR e a OCDE no segundo semestre de 2022 sobre a acción dos gobernos subnacionais para abordar as necesidades dos refuxiados ucraínos.
  • Galicia será a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica. Así se anunciou hoxe durante a presentación realizada na escola de deseño esad-idea, en Matosinhos (Portugal), na que se adiantaron as liñas mestras do evento, que terá lugar a partir do 19 de outubro. Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza e o labor da Fundación Artesanía de Galicia.
  • O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o martes 25 un ciclo de cine sobre a figura de Picasso no 50 aniversario da súa morte. Picasso a través do cine arrancará como parte das actividades arredor da mostra 'Picasso branco no recordo azul'. O primeiro visionado será no auditorio do museo ás 19,00 horas cos filmes Guernica de Robert Hessens, que trata de maneira fragmenta e convulsa a célebre obra do artista, con imaxes de arquivo sobre o bombardeo nazi da poboación vasca que dá nome a obra pictórica e cinematográfica. Tamén se proxectará Picasso de Luciano Emmer, no que se afondará na evolución da pintura de Picasso ata a súa fase rosa.
  • A Xunta acaba de convocar con carácter urxente unha reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia para abordar como tema central o proxecto da Lei polo dereito á vivenda, que actualmente encara a recta final da súa tramitación no Congreso dos Deputados. Tras participar nun acto en Santiago, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicou que o Observatorio se reunirá este mesmo venres en resposta á “grande inquedanza” coa que reaccionou todo o sector en Galicia ante os últimos anuncios realizados polo Goberno central con relación ao contido da futura lei.
  • Galicia mellora a súa posición ao converterse na segunda comunidade autónoma que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 subindo do terceiro lugar que ocupaba o ano anterior. En concreto, baixaron un 34 % con respecto a 1990, que é o ano que se toma como referencia. No que atinxe á calidade do aire, cómpre lembrar que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia deste parámetro de toda España. De feito, a Rede de Calidade do Aire de Galicia está composta por 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32).
  • O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde no Consello Consultivo de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios en Madrid. Alí o conselleiro instou ao Goberno central a traballar en conxunto para baixar a inflación sen reducir o prezo de orixe dos produtos agroalimentarios, tales como a carne. Así, José González asegurou que cómpre establecer medidas como o IVE cero para que os produtores alimentarios en xeral poidan cubrir tamén os seus custos de produción e manter un marxe de beneficio, coa finalidade última de que as súas explotacións poidan seguir sendo rendibles.
  • A corrente do Novo Cinema Galego será obxecto do seu primeiro foco en Italia no marco da programación do 36º Bolzano Film Festival Bozen, que conta coa colaboración da Xunta para lle conceder a Galicia o protagonismo da súa sección Focus Europa. Así, o coñecido certame desta cidade do norte de Italia ofrecerá do 19 ao 23 de abril unha programación especial de seis longametraxes que exemplifican a vertente máis independente e vangardista do audiovisual galego, ademais dunha mesa redonda que afondará nas súas características e elementos diferenciais.
  • O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, desmentiu hoxe no Parlamento, ante unha pregunta da oposición, a existencia de calquera cesión de tecnoloxía sanitaria de titularidade autonómica á sanidade privada para obtención de beneficios. Aboal concretou que, no ano 2015, a Xunta adxudicou diversos contratos de adquisición de equipamento tecnolóxico, parte dos cales obtiveron financiamento por parte da Fundación Amancio Ortega. No caso concreto da área sanitaria da Coruña, o acelerador lineal e o PET-TC adquiridos puxéronse a disposición, mediante un convenio asinado no ano 2016, do Consorcio Oncolóxico de Galicia, un consorcio público autonómico creado mediante decreto no ano 2008 polo goberno bipartito.
  • Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Xunta participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco. Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa.