Skip to main content

Novas

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma impulsada en setembro do ano 2022 co fin de que a comunidade acade o autogoberno pleno sobre a franxa costeira e garantir o equilibro entre a preservación dos valores, paisaxes e ecosistemas desta zona e a realidade socioeconómica que caracteriza a esta parte do territorio. Rueda lembrou que Galicia 'é a comunidade con máis quilómetros de costa', o que fai que teña un 'modelo produtivo moi ligado ao mar'. Por iso, subliñou que a Xunta aposta por unha regulación de costas 'adaptada á realidade galega' e unha ordenación do litoral 'realista, razoable e eficaz'.
  • Galicia pechou o 2022 cunha execución do orzamento consolidado do 99 %; un déficit orzamentario de 293 millóns de euros, o que representa o 0,4 % do PIB e dúas décimas menos do inicialmente previsto; e cunha ratio débeda/PIB do 17,2 %, o que supón tres décimas por debaixo do previsto. Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade da financiar gastos de capital con ingresos correntes. Este indicador mostra que as finanzas galegas reservan en torno ao 5 % dos seus ingresos correntes (470 millóns de euros) para financiar operacións de capital que contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo.
  • O CDG inicia en Vigo a xira do espectáculo 'Un hotel de primeira sobre o río', cunha función que terá lugar o vindeiro día 4, ás 20,30 h., no Teatro Afundación. A obra de Xohana Torres dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, viaxará durante o mes de maio a outros sete escenarios de Galicia e Portugal, despois da súa estrea o pasado 31 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela, escenario do que se despide esta fin de semana. O director do CDG, Fran Núñez; a directora de escena María Torres, e a directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, presentaron aos medios de comunicación as claves desta montaxe, a segunda produción propia para 2023 do CDG.
  • A gran amplitude de proxectos de investigación que, na USC e dende diversos enfoques, contribuíron a loitar contra a COVID-19 permitiron desenvolver novas estratexias terapéuticas de potencial aplicación á hora de paliar outras patoloxías. Así se puxo de manifesto na xornada que este martes 25 acolleu o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e na que se presentaron as principais conclusións de oito proxectos desenvolvidos dende a institución compostelá co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
  • A Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento hoxe e o vindeiro sábado 29, Día Internacional da Danza, cun cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. A mostra arrancou este mesmo mediodía no Teatro Principal estradense coa estrea O salón dos pasos perdidos, de Paula Quintas Cía, un dos tres espectáculos apoiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego 2022.
  • Como socio tecnolóxico e industrial da Xunta desde 2019, a colaboración de Boeing foi determinante para que hoxe o CIAR de Rozas dispoña dun simulador de continxencias e do equipamento máis avanzado en Europa para a simulación de voos con vehículos aéreos non tripulados, que foi o campo no que centrou as súas investigacións. Neste momento tamén se desenvolven outras iniciativas como a Aula Newton na Tecnópole, ou a colaboración que manteñen coa Escola de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade de Vigo.
  • A campaña 'Galicia sabe amar', posta en marcha pola Xunta en 2021, está promocionando os produtos galegos do mar por toda España, dando a coñecer a calidade e versatilidade dos peixes e mariscos para impulsar o seu consumo. Desde o mes de febreiro, diversos municipios españois vinculados cos Camiños de Santiago están coñecendo as bondades dos manxares das rías galegas. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Consellería do Mar que se materializa en catro foodtrucks rotuladas coa imaxe da campaña que están a realizar outros tantos percorridos pola xeografía española para ofrecer un total de arredor de 1.000 degustacións de produtos do mar de orixe galego nuns 260 municipios (con estancia de entre un e tres días en cada un deles tanto en horario de mañá como de tarde), cun alcance potencial de 13 millóns de persoas.
  • O Observatorio da Vivenda de Galicia, órgano de carácter consultivo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, advertiu de que a aprobación da Lei polo dereito á vivenda nos seus termos actuais podería provocar un bloqueo na construción de novas vivendas protexidas por parte dos promotores privados. Os membros do Observatorio coincidiron en manifestar a súa preocupación polos posibles impactos negativos que podería ter esta lei sobre o mercado da vivenda en xeral e, concretamente, no do alugueiro, causando distorsións e efectos mesmo contrarios aos que se perseguen.
  • O sector do mar de Galicia acadou un récord en 2022 no campo das exportacións, ao superar os 2.700 millóns de euros de facturación. A comercialización internacional de produtos do mar é unha oportunidade para o crecemento do sector fronte á crise de prezos actual que se engade ás dificultades vividas pola pandemia da covid-19 ou a guerra en Ucraína, que afecta ao acceso a determinadas materias primas. Neste ámbito está a darse unha tendencia crecente nos últimos anos, pois desde 2017 -exercicio no que se rompeu o teito dos 2.000 millóns de euros de facturación- os datos non baixaron desa cifra.
  • Tivo lugar a primeira reunión do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia na Cidade da Cultura. Con este primeiro encontro constituíuse de xeito oficial este organismo de participación que procurará involucrar á mocidade na toma de decisións.Os integrantes deste Consello Autonómico son mozos de entre oito e 17 anos procedentes dalgún dos Consellos locais de participación infantil, impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico. A constitución deste organismo era moi agardado por mozos e entidades que traballan no ámbito da infancia e procura garantir o seu dereito a ter voz propia.