Skip to main content

Novas

  • As principais liñas para este ano vanse centrar na intensificación da cooperación transfronteiriza de proximidade e na aposta pola mobilidade académica e as conexións ferroviarias. Así, no eido da mobilidade académica vaise ampliar o programa Iacobus para investigadores e persoal administrativo das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión con novas convocatorias para estadías, publicacións científicas e patentes. Esta iniciativa dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica recibiu en 2022 máis de 300 candidaturas.
  • Entre os motivos que se argumentou que xustificaban a creación desta especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, atópanse que este campo supón actuacións, técnicas e procedementos específicos en situacións que poden ser de urxencia vital e patoloxías tempo-dependentes, onde o tempo é un factor decisivo para mellorar o prognóstico e o impacto doutras áreas asistenciais. Outro dos motivos é que é unha especialidade que existe na maioría dos países de Europa, podendo falarse, con toda propiedade, da existencia dun modelo europeo consolidado de especialidade primaria no ámbito profesional sanitario da medicina de urxencias e emerxencias.
  • Esta xornada enmárcase dentro do 2º encontro de intercambio de experiencias entre Gobernos autonómicos sobre conservación da natureza, organizado polo Comité Español de la Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza. Deste xeito, o encontro busca analizar o fenómeno dos incendios forestais, as súas tendencias actuais e os seus escenarios de futuro, aplicando unha perspectiva territorial, ademais de establecer a relación existente entre os incendios e os principais elementos asociados ao cambio global -urbanización, cambios nos usos do solo, cambio climático e desertificación-.
  • O Centro Dramático Galego viaxará por primeira vez ao Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida para representar unha das súas producións propias, Shakespeare en Roma, que poderá verse no teatro romano da capital estremeña os días 18 e 19 de xullo. A programación completa da 69ª edición desta prestixiosa mostra foi anunciada hoxe mesmo no transcurso dun acto no que participou o director da unidade teatral da Xunta de Galicia, Fran Núñez, para dar conta do fito que estas actuacións suporán na traxectoria da compañía institucional galega a prol da proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 999, deles 211 son da área da Coruña, 101 da de Lugo, 137 da de Ourense, 108 da de Pontevedra, 170 da área de Vigo, 180 da de Santiago e 92 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 6 están en UCI, 177 en unidades de hospitalización e 816 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 691.547 persoas curadas, rexistrándose 4.095 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.060.089. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.637.141.
  • O Pazo de San Lourenzo acolleu hoxe o acto de sinatura do Protocolo para a posta en marcha da Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia, documento que foi asinado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López; polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; polos tres reitores das universidades galegas, Antonio López Díaz, da Universidade de Santiago; Julio Abalde Alonso, da Universidade da Coruña; e Manuel Reigosa Roger, da Universidade de Vigo. Tamén asinaron o protocolo os representantes das tres fundacións de investigación sanitaria.
  • Máis de medio cento de actividades paralelas arrouparán a grande exposición Picasso branco no recordo azul que se inaugurará este xoves no Museo de Belas Artes da Coruña e coa que reivindica a pegada galega na traxectoria do artista. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o comisionado da Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, Carlos Alberdi, xunto con Malén Gual en representación dos comisarios, ofreceron hoxe unha rolda de prensa da exposición, a única mostra da Comunidade enmarcada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso.
  • Tivo lugar a reunión de presentación da Comisión de Oferta do Nodo de Computación de Altas Prestacións (coñecido como HPC polas súas siglas en inglés) do Hub de Innovación Dixital Dihgigal, que ten como obxectivo acelerar a transformación dixital do tecido produtivo galego a través da oferta de servizos HPC avanzados. No lanzamento do Nodo HPC participou tamén o director de Amtega, Julián Cerviño, e representantes da Comisión de Oferta de Dihgigal (universidades, centros tecnolóxicos e empresas TIC).
  • Foi presentada ante unha nutrida representación dos sectores audiovisual e turístico a imaxe e o avance dos traballos para a posta en marcha este mesmo ano da Galicia Film Commission, nova plataforma virtual para a promoción internacional da nosa Comunidade como plató de cinema e de televisión baixo o lema Shooting at The End of The World. Segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a súa entrada en funcionamento levará asociada a activación, a partir de 2024, dun novo fondo para a atracción de rodaxes mediante a fórmula de incentivos directos ás empresas, coa previsión de que o seu retorno económico na nosa Comunidade multiplique por 10 o investimento público.
  • O DOG publicou a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única ata o vindeiro 31 de maio, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás entidades colaboradoras.