Skip to main content

Novas

  • O presidente da Xunta cualificou aos premiados pola D.O. O Ribeiro como baluartes da Galicia Calidade e do rural con oportunidades, e asegurou que os recoñecementos son proba do arraigo do sector, da excelencia dos viños galegos recoñecida dentro e fóra de Galicia e da confianza en que os produtos galegos poden conquistar o mundo. Alfonso Rueda valorou a forza da viticultura en Galicia, asegurou que a Xunta traballa para dar resposta as súas demandas, e subliñou a aprobación da Lei de recuperación da terra agraria, os preto de 30 millóns en axudas para investimentos, exportacións e reconversións; a futura Lei de calidade alimentaria e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, instou ao Executivo central a que destine os medios materiais e humanos necesarios para axilizar a execución desa solución completa na autovía e garantir dese xeito a seguridade viaria. Salientou que a rectificación do Goberno, que agora se avén a executar por emerxencia e de xeito simultáneo as obras dos dous viadutos, demostra que a Xunta tiña razón, que as súas valoración técnicas eran correctas e a súa proposta era a máis acertada.
  • O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou a necesidade de que as políticas pesqueiras de Bruxelas conten co maior rigor científico posible e aposten por unha implantación gradual para facilitar a adaptación da frota. O titular de Mar salientou durante a clausura da X Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca que o cariz medioambientalista que está a tomar a Comisión Europea nos últimos tempos é inaceptable e que non poden repetirse casos como o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias.
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, avanzou que o P.I.B. de Galicia medrará por riba do 1,7 % previsto para este ano, á vez que se amosou confiando en que para o 2024 "estará en condicións" de recuperar o equilibrio orzamentario e non incorrer en déficit. "Imos ser capaces porque levamos tempo traballando", aseverou o mandatario galego, que tamén avanzou que se agarda que no 2024 a economía galega "estea en disposición de superar" o 2 % do PIB.
  • Estanse rexistrando importantes avances no desenvolvemento do proxecto GIFT -Green Infrastructure for Forest and Trees- de cara a establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde. Esta infraestrutura está concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da natureza e beneficien ás poboacións da contorna. O carácter innovador do GIFT, a desenvolver os vindeiros catro anos, reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.
  • A Xunta fai fincapé na importancia de contar coa implicación da cidadanía na aposta polo fermosismo para poñer en valor entre todos as diversas paisaxes que conviven en Galicia. Así o salientou a responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Coristanco para ver o resultado da rehabilitación dun muíño de auga privado que contou cunha axuda para a corrección de impactos paisaxísticos.
  • O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Emigración para o programa de lecer "Conecta Voluntariado Galicia" para que 20 mozos e mozas galegas residentes no exterior, de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado de Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro. O programa realízase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude, así como coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación.
  • O conselleiro do Medio Rural participou na clausura da asamblea anual da Federación Europea del Tablero. Neste encontro con membros do sector, José González salientou a importancia da industria da madeira en Galicia e a aposta firme da Xunta para seguir medrando neste eido. Así, destacou que a nosa comunidade é unha potencia forestal en España e Europa, polo que as súas políticas nesta materia son un referente para o resto de rexións, e fixo referencia ao Inventario Forestal Continuo e ao Plan Forestal de Galicia como ferramentas que permiten xestionar o territorio e facer que a nosa comunidade medre no sector forestal, "mantendo os compromisos de transición vrde, biodiversidade, neutralidade climática e consumo responsable".
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2023 que distinguen aos galegos que fixeron contribucións senlleiras e levaron o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. Os premiados son a escritora Ledicia Costas, o grupo Siniestro Total, a deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López. A Medalla Castelao é unha condecoración civil ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual.
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello acordou hoxe abrir o periodo de exposición pública do anteproxecto de Lei do clima de Galicia, unha normativa que busca 'darlle rango de legal ao compromiso de que Galicia sexa unha comunidade climaticamente neutra en 2050', é dicir, 'que as emisións queden neutralizadas grazas á capacidade de absorción que podemos ofrecer'. Para conseguir esta meta, Rueda explicou que se vai traballar para 'reducir nun 57% as emisións de efecto invernadoiro ata 2030', para que as accións vencelladas ao clima 'sexan un eixo prioritario en todas as políticas da Xunta' e garantir o equilibrio entre 'acadar estes obxectivos e o fortalecemento da actividade económica'.