Skip to main content

Novas

  • Nos primeiros catro meses do ano o sector hoteleiro galego continuou avanzando na mellora da súa rendibilidade, cun crecemento do 2% e acadando os niveis maís elevados desde que se teñen rexistros. Así se desprende dos últimos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Estas cifras constatan os efectos que está a ter a positiva evolución da actividade turística entre o sector hoteleiro. De feito, estímase que nestes catro meses, os hoteis e pensións obtiveron uns ingresos totais nominais de máis de 74M€, cifra que supera o dato do ano pasado así como o valor previo á pandemia cando se facturaban 62 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade galega. Con isto, esta é a cifra máis elevada da serie histórica.
  • Foi presentada a Liga Xunta de Galicia de Break 2024, na que será a súa cuarta edición, e que terá lugar en nove sedes galegas e que contará coa participación dun cento de bboys e bgirls nas categorías de iniciación, intermedia e avanzada ao longo do ano 2024. Desde 2021, ano no que se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se lanzou a primeira edición da Liga Xunta de Galicia, o baile deportivo e o breakdance non deixaron de medrar como demostra a constitución da Federación Galega de Baile Deportivo en 2023 que hoxe conta xa con preto de 600 licenzas.
  • Do 24 ao 26 de maio a Primavera de portas abertas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrecderá unha ampla programación de rutas, catas e actividades enolóxicas e culturais. O sábado e o domingo están previstas visitas guiadas durante todo o día para percorrer algunhas das 13 adegas adheridas ao programa, museos e outros lugares de interese; inclúen o traslado en autobús con saídas desde A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, neste caso desde a Praza de Bretaña ás 9,30 horas. Ademais, a iniciativa de Turismo de Galicia ofrece desde este venres 13 actividades en distintas localizacións da Ribeira Sacra.
  • A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario escollido para o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). Durante o voo, que se prolongou máis de dúas horas, a cápsula MarumaSat mediu a velocidade do son a diferentes alturas e creou unha melodía que se obterá empregando ChatGPT para correlacionar notas musicais con algunhas das variables que mide a sonda como pode ser a presión ou temperatura, relacionando así a ciencia coa arte e a accesibilidade. Ademais, no momento do lanzamento ao que asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, a cápsula estratosférica levou unha mostra de ADN humano e dun fungo para ver a influencia que neles ten a exposición á radiación UV.
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se recoñece as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 124 novas solicitudes presentadas, son 91 as admitidas, e delas, máis da metade -un total de 53- son deportistas de alto nivel. Ademais dos 53 novos deportistas de alto nivel recoñecidos, na publicación de hoxe inclúense 11 deportistas de alto rendemento e 23 de alto rendemento de base, así como 1 técnico de alto nivel e 3 árbitros.
  • Tivo lugar a presentación da 15ª edición do festival (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña con máis de 130 proxeccións do audiovisual máis vangardista. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita consolidada xa como referente arredor do cinema experimental. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch –coa primeira gran retrospectiva tras o seu falecemento hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival– ou a estadounidense Margaret Honda.
  • Os traballos impulsados pola Xunta na Catedral de Santiago e feitos en colaboración coa Fundación Catedral sacaron á luz unha ventá románica na capela do Salvador. A ventá románica atopábase detrás do retablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe no proceso de restauración. Ademais, as actuacións que se están levando a cabo nestes espazos, incluídas no convenio de colaboración coa Fundación Catedral, están permitindo recuperar as pinturas murais e os relevos pétreos, e tamén está previsto destinar neste 2024 poñer en valor a capela do Cristo de Burgos, e intervencións que abranguen a fachada ao patio de Xelmírez e o proxecto de restauración do interior da capela.
  • Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe lanzar unha nova liña de achegas, dotada de 18 millóns de euros, para axudar 'ás empresas auxiliares do sector da automoción a ser máis competitivas' e adaptarse ao proceso de transición que vive esta industria cara unha mobilidade máis sustentable, marcada pola extensión do vehículo eléctrico. Rueda, que lembrou a importancia dun sector -o das empresas auxiliares ou de compoñentes do automóvil- que xera '25.000 empregos' na comunidade, fixo fincapé en que se trata dunha industria 'que ten por diante un gran reto' para adaptarse á normativa europea que establece 2035 como data límite para que haxa vehículos contaminantes no mercado.
  • Os actos principais de celebración do Día das Letras Galegas teñen lugar na Coruña, cidade natal da homenaxeada Luísa Villalta, coa inauguración dunha exposición na Casa do Concello, na se que repasa a traxectoria literaria e vital da escritora, e cun grande acto institucional no Teatro Colón aberto á toda cidadanía. No entanto, cómpre destacar a importante implicación, no que levamos de mes, das diferentes institucións e da cidadanía galegas na conmemoración das nosas Letras e na que se está a por en valor a figura poliédrica de Luísa Villalta; poeta, ensaísta, dramaturga, música e docente. Esta celebración colectiva intensificouse nestes últimos días con concertos, obras teatrais para todos os públicos e diferentes concursos escolares.