Skip to main content

Novas

  • A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, inaugurou hoxe un obradoiro sobre equidade de xénero e inclusión organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa finalidade de dar a coñecer as iniciativas desenvolvidas neste ámbito, moi especialmente, a importancia da perspectiva de xénero na investigación. Na súa intervención, Vázquez destacou que o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 conta co maior orzamento da súa historia (44,7 millóns de euros), co obxectivo de “lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”.
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal ÚNICO. O prazo ábrese mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o decreto polo que se conceden as Medallas de Ouro de Galicia 2023 aos músicos Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez. O titular do Goberno galego resaltou que se trata da maior distinción que outorga a comunidade autónoma galega e que, nesta edición, dedícase “a un dos aspectos máis senlleiros do patrimonio” cultural galego como é a música. Rueda subliñou que os tres galardoados deste ano son persoas que “tiveron unha importancia singular no panorama musical a nivel internacional” durante as últimas décadas, pero “sen perder nunca a vinculación con Galicia”.
  • Redecinema é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde. O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22,30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar A galiña Turuleca.
  • O proxecto Nova Economía da Lingua (NEL) pretende desenvolver modelos multilingües de texto, voz e tradución automática que poidan dar resposta ás necesidades da realidade social e estean en liña coa tecnoloxía actual, na que o multilingüismo e a transferencia entre linguas xogan un papel crucial. A primeira xuntanza deste iniciativa na que participa a USC e que conforma un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) centrado na nova economía da lingua —promovido polo Goberno de España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia—, botou a andar na Cidade da Cultura.
  • A Xunta de Galicia acaba de ser recoñecida como parte coadxuvante no recurso presentado pola OPP burelense contra o veto á pesca de fondo decretado o ano pasado pola Comisión Europea en 87 zonas de augas comunitarias. O Tribunal Xeral da Unión Europea emitiu o pasado venres unha resolución na que admite a intervención do Executivo galego no procedemento ao recoñecer que esta prohibición impacta nos intereses da comunidade autónoma. Esta decisión do tribunal europeo supón un fito moi importante posto que poucas peticións deste tipo -presentadas polas rexións europeas- prosperan, e implica que a Administración galega poida participar activamente no proceso.
  • A Xunta acaba de recibir unha nova relación de vivendas dispoñibles en Galicia propiedade da Sareb na que a entidade financeira reduce agora a só 187 os inmobles que están actualmente en comercialización na Comunidade e reúnen as condicións necesarias para o seu uso. Esta nova comunicación prodúcese a raíz da reunión mantida a finais de xuño entre o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e representantes da Sareb, un encontro durante o cal o responsable autonómico volveu demandar concreción sobre o parque residencial do que dispón actualmente en Galicia e información detallada sobre a situación particular de cada inmoble.
  • Os fogares galegos aforraron o ano pasado 216,2 millóns de euros grazas ás baixadas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD). Estes 216 millóns de euros son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno e a actividade económica, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas, recuperar as terras agrarias e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.
  • Nesta dobre cita expositiva, a sede do CGAC presenta ata o 7 de xaneiro de 2024, baixo o título 'Unha historia posible do CGAC', un percorrido polas exposicións, actividades e publicacións promovidas polo centro desde a súa creación, con especial atención aos fitos e pezas singulares que marcaron a súa historia e, paralelamente, a evolución do contexto artístico en Galicia. Mediante un itinerario expositivo artellado entre a planta baixa e o soto, amósanse pezas da colección CGAC e algunhas outras en préstamo que permitirán visualizar exposicións individuais e proxectos colectivos, con obras de nomes como Giovanni Anselmo, Esther Ferrer, Ángela de la Cruz, Hisae Ikenaga ou Pamen Pereira, entre outros.
  • PortAmérica 2023, o festival que une música e gastronomía de calidade e no que prima a sostibilidade, acada a súa 11 edición nun entorno natural extraordinario, como é a azucreira de Portas. O festival converteuse xa nun emblema dos festivais galegos e tense convertido pola súa orixinalidade nun festival distinto, familiar, con 30 chefs cociñando en directo, e con grandes artistas nacionais e internacionais, como Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Bad Gyal, Guitarricadelafuente, Deluxe, M Clan, Loquillo, Molotov ou Jorge Drexler. De feito, o espazo showrocking, acollerá a 30 chefs internacionais que suman 14 Estrellas Michelin para facer a fusión perfecta entre ritmo e cociña.