Novas
-
InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
-
A Xunta salienta que ningún concello presentou a solicitude de declaración de zona tensionada e advirte das consecuencias negativas desta medida para o mercado de alugueiro de vivendas. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou esta tarde na mesa de debate Declaración de zonas tensionadas no marco do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias. Heriberto García lembrou que a lei estatal trae máis incertezas que confianza ao mercado residencial, polo que o Goberno galego xa a recorreu ante o Constitucional.
-
Baixo o título 'Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía', esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre Galicia e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional. Farao a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico. No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos, como o Proxecto Nós, impulsado polo Goberno galego para incorporar a lingua propia de Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial.
-
A Secretaría de Estado de Turismo vén de emitir a resolución pola que se concede a declaración de Interese Turístico Nacional á Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón. Con este recoñecemento, Galicia suma xa 10 festividades con este recoñecemento. A Festa da Filloa de Lestedo súmase así ás outras nove que xa contan con este recoñecemento: a Romaría de Nosa Señora da Barca (Muxía), as Carrilanas de Esteiro (Muros), as festas do San Froilán (Lugo), a Feira do Bonito (Burela), a Festa da Historia (Ribadavia), o Entroido de Verín. Tamén a Festa do Marisco do Grove, as Festas de San Roque (Vilagarcía de Arousa) e a Festa da Reconquista (Vigo).
-
O sistema sanitario público galego sitúase como o terceiro con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica, dentro do Sistema Nacional de Saúde. Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, os datos a decembro de 2023 reflicten que o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia sitúase en 67 días (61 menos que a media española) situada en 128 días.Neste senso, e atendendo a comparativa interanual, entre os meses de decembro do ano 2022 e decembro de 2023, o sistema sanitario público galego conseguiu reducir en 8 días o tempo de agarda dos pacientes galegos que precisan dunha intervención cirúrxica. Así, ao peche do pasado ano, a comunidade galega situouse só por detrás do País Vasco (63 días), e da Comunidade de Madrid (51 días).
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a configuración do novo goberno galego do que asegurou que está baseado na procura da 'excelencia' ante 'os novos retos e novas oportunidades' de Galicia. 'Estaremos á altura e empezamos a traballar xa', anunciou Rueda no acto de toma posesión dos doce conselleiros do novo Goberno galego no Pazo de Raxoi, do que asegurou que hai 'vimbios para traballar, incluso mellor do que viñamos traballando ata o de agora, e cuxo labor xa era moi destacable', enxalzou. Con este obxectivo, anunciou que o novo goberno no vai 'perder o tempo' e referendou o 'compromiso real' do novo equipo, ao que cualificou de 'doce mais un', para non defraudar a confianza depositada neles o 18 de febreiro.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
-
O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, ten como obxectivo promover as artes do movemento, e para iso ofrecerá a exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- …
- seguinte ›
- última »