Skip to main content

Novas

  • A Xunta mantén a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, do río Grande, en Ccamariñas e nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña. Ademais continuará a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona. A directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, participaron esta mañá unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca. Cómpre lembrar que este ente está integrado polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
  • O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou o papel de Galicia como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada pois contribúe a formar inspectores de todo o mundo para frear estas prácticas irregulares. Fíxoo durante a inauguración do III Curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto, coordinado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación MarInnLeg.
  • A Fundación Aquae Querquennae – Vía Nova leva vinte anos traballando na posta en valor tanto do conxunto patrimonial, termal e arqueolóxico situado en Bande, no que destaca o conxunto no que conflúe o campamento militar e a mansión Aquis Querquennis, así como o itinerario da Vía Nova e que deu lugar á construción dunha serie de edificios que contribuíron a dar a coñecer Porto Quintela como un tesouro único en Galicia, onde gozar da historia, da cultura e das augas termais ao longo de todo o ano. Para conquerir estes obxectivos , conta coa aposta das admininstracións públicas no territorio coa creación do museo ou o centro de interpretación.
  • O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou na presentación do libro "A salga no fin do camiño. As fábricas de Fisterra", no que Santiago Llovo cataloga os vestixios das plantas de salgadura co obxectivo de preservalos e poñelos en valor. O representante da Consellería do Mar enxalzou o labor deste historiador-escritor para afondar nas orixes da actividade industrial marítimo-pesqueira do noso litoral, actividade iniciada cos cataláns que impulsaron a salga da sardiña como precursores do que agora é a industria de transformación de produtos do mar da comunidade.
  • O Consello da Xunta ven de autorizar un convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Cáritas Federadas en Galicia para o desenvolvemento dun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas inmigrantes en situación irregular en sectores nos que precisan man de obra, facilitando que atopen neles un posto de traballo. É unha iniciativa pioneira que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, contribuindo a facer fronte á escaseza de persoal en sectores con problemas para atopar man de obra.
  • O XIII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Trátase dunha das citas máis consolidadas da programación da Cidade da Cultura, da que forma parte desde 2011. Ata o momento teñen pasado por este encontro destinado a apoiar a novos talentos da creación contemporánea máis de 700 artistas. A apertura do EAN13 contou coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, do director Territorial Noroeste de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
  • Galicia acollerá a primeira reunión conxunta do equipo de traballo interrexional do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), que se constituíu o pasado mes de xuño e cuxa misión é establecer ao longo dos vindeiros catro anos medidas e políticas sectoriais efectivas na xestión da infraestrutura verde e da paisaxe. Os días 29 e 30 de agosto celebrarase en Santiago a primeira revisión entre pares desta iniciativa co fin de analizar e mellorar da man dos socios implicados os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde, entendida como unha rede de elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien á contorna.
  • A Xunta puxo a disposición da industria forestal unha ferramenta gratuíta que permite etiquetar a trazabilidade dos produtos mediante o uso da tecnoloxía Blockchain. FORTRA é unha plataforma desenvolvida pola AMTEGA e a Axencia Galega da Industria Forestal en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. A tecnoloxía blockchain asegura que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea, o que ofrece unha garantía de autenticidade e transparencia. Isto permite que os produtos leven unha etiqueta que ofrece toda a información sobre a orixe a e transformación da madeira.
  • A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVIII edición dos Premios Mans Futuro, que recoñecen a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores de música de Galicia e promoven a súa proxección. Este ano a convocatoria recupera as probas presenciais. Poderá concorrer a estes premios, financiados pola Fundación Paideia Galiza, o alumnado dos conservatorios superiores de música dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situados na Coruña e Vigo. Deberán ter sobresaliente ou matrícula de honra no traballo fin de estudos na especialidade de interpretación.
  • A Consellería do Mar destina este ano 7,5 millóns de euros a achegas para as empresas de comercialización ao por maior e de transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura para compensar o impacto dos incrementos de prezos pola guerra en Ucraína de distintas materias primas que son fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade. Así o recolle a orde pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).